viernes, 31 de julio de 2009

Igalia convoca a terceira edición do seu concurso de proxectos en software libre

Fuente: http://codigocero.com/Igalia-convoca-a-terceira-edicion

JPEG - 134 KB
Miguel Álvarez Úbeda, gañador da pasada edición do concurso

Igalia, a empresa galega de desenvolvemento de software libre con sede na Coruña, vén de convocar a terceira edición do seu Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre, que como nas edicións anteriores, recoñece ao mellor PFC desenvolvido con aplicacións abertas presentado nalgunha escola ou facultade de Galicia durante o pasado ano académico.
Con esta iniciativa, a entidade busca fomentar o achegamento e coñecemento dos universitarios galegos sobre o software libre e promover o emprego de calidade baseado nas tecnoloxías da información e a comunicación, a través dun concurso único na nosa comunidade que conta coa colaboración de Mancomún.
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre vai habilitar a Forxapara a inscrición e publicación de todos os proxectos participantes, permitindo que estes estean accesibles á análise e estudo de calquera persoa interesada.
A inscrición, que deberá formalizarse antes do vindeiro día 30 de outubro na web de Igalia, poderá realizala calquera estudante dalgunha das tres universidades galegas que teña defendido ou vaia defender o seu Proxecto Fin de Carreira, cunha nota mínima dun 5.0., nalgunha das convocatorias do ano académico 2008/2009.
Asemade, entre outros requisitos, o proxecto deberá rexistrarse na Foxa de Mancomún, no tópico creado ex profeso para o premio.
O proxecto gañador, que será dado a coñecer durante a terceira semana de novembro no salón de actos da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, será premiado con 1.000 euros, podendo decidir o xurado a concesión dun accésit de 500 euros.
Este ano, o xurado estará composto polo coordinador do Centro de Referencia e Servizos de Software Libre, Xesús M. Benítez Baleato, á cabeza, así como por dúas persoas máis da empresa Igalia e representantes das tres universidades galegas.
Na pasada edición resultou gañador, o proxecto Ferramentas de análises de redes, de Miguel Álvarez Úbeda, un alumno da UDC que foi valorado pola súa integración previa no proxecto gvSIG como extensión non oficial.
Un ano máis, Igalia promove esta iniciativa coa idea “de incentivar entre outros aspectos a actividade da comunidade galega do software libre” e así o fan constar na propia web do Premio: “canto antes o inscribas e maior actividade teñas nos repositorios públicos, maiores posibilidades terás de gañar".




PD: Curioseando por Google con mi nombre mira tú que cosas se encuentran :P